O sábado 6 de agosto o escenario do Parque de Castrelos acolle a partir das 22.30ha catro dos grupos de Vigo con maior proxección na historia musical da cidade. As catro propostas cobren un amplísimo espectro de tendencias e gustos; alí estarán Ragdog, un dos grupos pop-rock revelación do Estado nos últimos anos entre o público novo; noutra xeración enmárcase o ex Siniestro Total, Miguel Costas, que fará un repaso a algúns dos seus temas máis populares; seguirá Eladio y los Seres Queridos ou, o que é o mesmo, o triunfo paseniño do pop das historias cotiás, e pechará este fin de festa Iván Ferreiro, un dos artistas galegos máis consolidados no panorama do pop-rock en español desde os seus tempos de líder de Los Piratas. A todos eles sumaranse os mestres de cerimonias: Tony Lomba e o actor Manuel Manquiña. As entradas a 3€ poderán mercarse na billeteira de Castrelos desde dúas horas antes do comezo do concerto.
Na noite mainstream da música de Vigo tócalles aos Ragdog abrir fogo. Xorden como grupo en 2002 e desde aquela foron camiñando até convertese nun dos grupos españois de maior éxito nos últimos dous anos. En 2008 Rock in Rio e Summercase; en 2009 son fichados polo selo dixital Movistar, o seu primeiro álbum chega ao número un das listas de descargas con máis de 8.000 nunha semana, viaxe a Latinoamerica, premio Principales 09 ao mellor grupo novel, xira con Pereza en 2010 e encargados de quecer ambiente nos concertos españois de Shakira en 2011. Ragdog son Aleix Lores, Pablo García, Alberto Leyenda e Juanma Treita. O seu segundo disco chámase Bichos raros e nel déixanse levar ademais pola electrónica.
Costas é Miguel Costas, ex Siniestro Total, ex Aerolineas Federales, ex Los Feliz… Unha figura musical dentro e fóra da cidade. Miguel Costas volve aos escenarios en 2009 editando o que será o disco número dezasete da súa carreira Condenados a Costas con dezaseis novos temas cos que xira por toda España. Os mesmos músicos acompáñano no directo en 2011: Little Naya na guitarra, Coché Vil no baixo e Bojan na batería. Agora é o momento de presentar Costas is back, un disco que repasa os temas máis coñecidos das súas anteriores formacións e no que contou coas colaboracións de :Vega, David Summers, kutxi (Marea), Rosa (Aerolineas Federales), Alvaro (Pignoise), Rosendo, Def Con Dos, J.M.Casañ (Seguridad Social), Edurne, Johnny (Burning) Silvia Superstar, Modestia Aparte, Bimba Bosé e Miguel Angel “El Sevilla” (Mojinos escocios) entre outros.
Eladio Santos é un figura recoñecida no panorama musical español e Eladio y los Seres Queridos a súa última e exitosa aventura musical. Asegura ir contra as tendencias e correntes pero sen dúbida o seu disco Están ustedes unidos é unha das grandes noticias do pop estatal nos últimos meses. Non son poucos os que ven nel a esperanza rexeneradora da escena musical española, eternamente en cuestión e sometida a altibaixos; no que si coincide a crítica é no exquisito tratamento do cotiá nas súas cancións. A fermosura das melodías e as historias entendidas por todos conseguen que a música de Eladio sexa, por que non dicilo, apegadiza. Un runrun que permanece na cabeza de quen a escoita. Fíase da intuición e gústalle o espontáneo. Abofé que a fórmula funciona: Eladio Santos é un dos músicos que, como xa sinalamos, fan que Galicia sexa un punto de referencia da creatividade musical dentro do Estado.
Na noite dos artistas vigueses de maior proxección non podía faltar Iván Ferreiro. O ex líder de Los Piratas non se afastou do mundo do música cando en 2003 o popular grupo vigués se separou. Todo o contrario: levantou o disco Canciones para el tiempo y la distancia, que en 2005, converteuno nunha das figuras máis destacadas do pop español Desde aquela, unha morea de directos e de proxectos, como o chamado Laboratorio Ñ, ou unha especie de Gran Irmán en Bos Aires con músicos de ambas beiras do Atlántico pechados co obxectivo de crear novas cancións. O seu último disco, editado en 2010, chámase Picnic Extraterrestre e nel volve poñer toda a carne no asador, co seu intenso e emocional xeito de cantar creando eses climas dos que o seu abondoso e fiel público quere gozar.